Neste verán que non quere rematar fomos ata a capital galega dos petróglifos e tamén viaxamos no tempo
Visitamos o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, onde retrocedemos varios milenios
Para situarnos entre catro e cinco mil anos atrás, antes percorremos o museo interpretativo
En distintas salas aprendemos con que ferramentas gravaban inscricións na pedra os nosos ancestros
E descubrimos a enorme semellanza con outros conxuntos de arte rupestre ao aire libre na costa occidental europea
Unha vez situados entre as idades de Pedra e de Bronce, saímos ao parque
Alí explicáronnos que os petróglifos estaban concibidos para ser apreciados a través das súas sombras
É dicir, coa luz oblicua do amencer ou do solpor poden distinguirse mellor as figuras inscritas no granito, de diferentes tipoloxías
Un dos máis espectaculares de todo o conxunto é o da Laxe dos Carballos
Cuns 60 metros cadrados de superficie, nel represéntanse animais, obxectos ou motivos xeométricos
Nunca habemos esquecer os cantos á beleza da arte rupestre por parte da rapazada que estaba a participar nun campamento de verán
Outros petróglifos destacables son os do Outeiro dos Cogoludos
Teñen inscritos varios labirintos, coma o que se creou a escala humana e que percorremos
No parque tamén se recrea un poboado do Neolítico, coas súas pallozas de adobe e con cabazos rudimentarios
En resumo, a experiencia foi moi instrutiva, pero para mellorala aínda máis recomendo realizala pola tarde, coas últimas raiolas
Ningún comentario:
Publicar un comentario