29/08/08

O final das vacacións


Necesitaría outro mes máis de vacacións
Dous meses seguidos se cadra xa serían de abondo
E outro mes máis polo inverno tampouco estaría mal
Serían as vacacións de inverno, para ir ao sur
Á Patagonia Chilena, a Sudáfrica ou ás Antipodas
O caso é ir ben lonxe e con mellor tempo
E quen queira ter vacacións brancas, que as teña tamén
En momentos así, sinto non ter estudado Maxisterio
Rematadas as vacacións, toca valorar o resultado
Restarlle o que se fixo ao que se quería facer
Teño aquí á beira un cadro en construción
Nin me deu tempo a rematalo en todo o mes
En realidade, debinlle dedicar sete días como moito
É algo oitenteiro; de feito, parece un tetris ao revés
Aínda que tamén podería tratarse de Benidorm
Neste mesmo PC gardo un poemario no que avancei algo
O cal vén sendo relativamente bastante
Ou sexa, moito máis do que esperaba
En canto ás lecturas, só puiden reler obras de Lovecraft
En concreto, o ciclo de aventuras de Randolph Carter
Que para min é do melloriño do autor de Providence
No capítulo da cociña, este tempo deu máis xogo
Á parte de biscoitos e empanadas, aprendín a facer pasta
Tamén deu bo resultado un cuscús que preparei
Polo demais, terracear tódolos días que non choveu
É impresionante a cantidade de xente que houbo en Lugo
Viñeron o dobre de turistas que outros anos
E iso que a oferta de concertos e espectáculos foi nula
En Santiago, hai festivais ao aire libre cada dous por tres
E pode haber ata tres concertos ao mesmo tempo
Aquí, pola contra, non houbo concerto ningún en agosto
O cal me parece máis que incrible; paréceme inmoral
Inmoral que estea tan mal repartida a oferta cultural
Inmoral que se discrimine unha cidade con máis habitantes
Inmoral que se destinen tódolos fondos ao San Froilán
Inmoral que se xestione tan mal a cultura nunha cidade
En particular polo verán, coa excusa de que hai menos xente
É dicir, funciona como a pescada que se morde a cola
En momentos así é cando sinto non vivir na capital
E así pasaron estes días de vacacións, sen pena nin gloria
Os días sucedéronse coma estrelas fugaces
Coma as bágoas de San Lourenzo, diría eu
Agora estou contando as horas para volver ao traballo
Unha vez máis, haberá que tomalo con moita filosofía
Sei que o primeiro día, pola tarde, xa estarei canso e farto
Pero éche o que hai e hai que achantar, non?

3 comentarios:

Unknown dixo...

Temos que tomalo con calma, non é bo voltar a tope. Non sexa que precisemos un psicólogo para superar o trauma post-vacacional. ^^U

Dr Smurf dixo...

Aí falaches, amighiña. De momento, non o levamos mal. Que non é o mesmo que dicir que o levamos ben, aínda que case.

Anónimo dixo...

Hvala za intiresnuyu iformatsiyu

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...