09/10/08

Noces novas


Coa chegada da chuvia e do vento caeron as primeiras noces
Son uns dos meus froitos secos predilectos
Pero, curiosamente, gústanme máis cando aínda non están secos
As noces novas, acabadas de caer, teñen un sabor distinto
Unha vez aberta a casca, o corpo sae enteiro
Pódeselle quitar a pelica, posto que resulta amarga
Despréndese con facilidade da carne, aínda branca
É neste tempo cando o froito se me fai máis gorentoso
Ás poucas semanas, o froito madura, volvéndose aceitoso
E o sabor será xa o dunha noz normal, durante case un ano
Logo as noces vanse volvendo rancias, ate o novo outono
Daquela chegará un novo remuíño sanfroilanesco
E as noces volverán caer ao chan, para o meu gozo
Neste senso, teño a sorte de residir nunha noceda
E é que Lugo é a cidade galega cun maior número de nogueiras
Hainas ao pé das casas e dos camiños, dentro e fóra de murallas
E algún ano teño recollido ate un quilo de noces dunha soa árbore
Algo bo tiñan que ter os invernos setemesinos

Ningún comentario:

Europa Park

  Hoxe fai anos a nosa filla, que nestas vacacións coñeceu de primeira man un dos mellores lugares do mundo para entreterse e pasalo ben Con...