15/09/10

San Petersburgo



Demos fin á nosa viaxe a Rusia na cidade de San Petersburgo
Alí puidemos admirar a Catedral do Salvador sobre o Sangue
-Semellante á de San Basilio, pero erixida hai apenas cen anos-
Como moitos monumentos, este atópase á beira dunha canle


E é que esta antiga capital resulta unha especie de Vienecia
Foi feita ex proceso no século XVIII para ser sede da Corte
Levantada da nada cunha morea de palacios, canles e pontes
Entre estas destaca a Ponte do Banco, flanqueada por grifóns



De todos os palacios, o máis coñecido é unha gran pinacoteca
Efectivamente, refírome ao Palacio de Inverno, do s. XVIII


O edificio alberga as principais obras do Museo do Hermitage
De entre elas, a Danza de Henri Matisse é das de maior sona


Tras a visita ao museo, xantamos nun restaurante noutro palacio
-Onde nos ofreceron un recital de piano e un espectáculo cosaco-
Aquí teño que facer un inciso para recoñecer a sorte que tivemos
Dende que partiramos de Moscova eramos seis persoas no grupo
E ser tan pouca xente, e ben levada, facilitounos moito as cousas



Deseguido dirixímonos ao acoirazado Aurora, un museo flotante
Dende este buque dérase a orde de asalto ao Palacio de Inverno
Ese canonazo marcara o inicio da Revolución de Outubro (1917)
Na proa do barco figura a bandeira que identifica a Armada rusa
-Que fora instaurada douscentos anos antes por Pedro I O Grande-
O mesmo emblema que coroa o Museo Naval de San Petersburgo
Trátase dunha cruz de Santo André de cor azul sobre fondo branco
Aínda que, iso si, nun principio só era a bandeira naval da Coruña
-De feito, a bandeira actual da provincia marítima é igual á galega-
Precisamente para non confundila coa da mariña rusa, mudárona
Quitáronlle unha das aspas da cruz para así evitar malentendidos
Foi a petición da daquela todopoderosa mariña de guerra rusa
E sen inconveniente ningún por parte de España para satisfacela
A reforma fíxose no 1891, tras case medio século de utilización
De non ser así, hoxe por hoxe ondearía neste país outra bandeira
Paréceme unha interesante historia da que nunca se fai mención
Ademais dunha lección sobre a orixe humilde do noso emblema



Ao día seguinte visitamos o Palacio de Verán ou de Catalina II
A residencia encóntrase en Pushkin, vila chamada así polo poeta
Tratábase doutro edificio fastuoso e versallesco, e xa eran moitos



Deste espazo, o que máis me agradou foi o fermoso parque traseiro
Nel había un lago de tranquilas augas que convidaban ao repouso
Pouco restaba para a volta e para que estes días fosen xa pasados
Aínda que podo asegurar que recordarei a experiencia por sempre


Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...