01/09/21

Madeira en familia

 

Como o tempo voa, resulta que hoxe a nosa filla xa fai nada menos que dez anos
Posto que este verán puidemos ao fin viaxar de forma segura, obsequiámola cunha viaxe a Madeira
A visión da península de San Lourenzo, captada dende o avión ao chegarmos, supuxo o noso primeiro contacto coa illa



Nada máis aterrarmos, dirxímonos á capital do arquipélago e principal cidade de Madeira
As rúas de Funchal conservan un delicioso sabor colonial, en particular na zona histórica da cidade 




O contraste entre os muros albos e a escuridade da pedra propia da illa é patente
Pódese apreciar, por exemplo, tanto dentro como fóra do consistorio e mais nos edificios da contorna




Unha vez instalados, o xardín botánico foi un dos primeiros lugares que visitamos
Alí puidemos valorar a exuberancia vexetal dunha illa que goza todo o ano dun clima privilexiado




Os portugueses comezaron a establecerse nesta illa a comezos do século XV
Dende as súas orixes, un dos cultivos principais da colonia foi o da cana azucreira




O veciño máis universalmente coñecido destas illas foi Cristovo Colón
De feito, existe unha réplica da nao Santa María, "A Galega", en que demos un paseo




No mar, puidemos admirar a intensidade do azul que tingue estas augas da Macaronesia
E tamén puidemos degustar o viño de Madeira con que nos agasallaron os nosos anfitrións



O Mercado dos Lavradores foi outro dos puntos de interese que non quixemos deixar de visitar
Alí coñecemos froita local coma a banana mazá ou unha variedade de papaia tamén de pequeno tamaño




Pero a Selma o que máis lle gustou foron os xeados e mais as piscinas, tanto de auga doce coma salgada
Cómpre ter en conta que nesta illa de orixe volcánica as praias son de pedras, agás a de Machico, feita con area marroquí




Noutra das xornadas da viaxe fomos de excursión aos montes do interior da illa
Alí, onde a chuvia é máis frecuente, contemplamos o característico bosque de laurisilva




Unha das flores máis representativas de Madeira é a estrelicia
Tiñamos un centro floral delas no hotel, onde gozabamos de vistas ao mar




Xa na vertente gastronómica, probamos os bacallaus rebozados con bananas locais
A espeteira, con carnes ao espeto, foi outro dos pratos que degustamos, ademais do espectacular bolo de mel




E pola noite, nun local con excelente música ao vivo, o Hole in One, estivemos tan a gusto que recuncamos
Pero como todo o bo logo se acaba, cando nos quixemos dar de conta a nosa estadía en Madeira xa chegara á súa fin
A illa quedaranos no recordo como un lugar paradisíaco do que gozamos en familia tras dous anos sen podermos saír da Península


2 comentarios:

acedre dixo...

Tomo nota. Madeira é unha viaxe que teño pendente.

Dr Smurf dixo...

Xa ves que foi de relax total, ideal para unha viaxe reparadora.

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...