24/04/21

Os faraóns do Gaiás

 


Co gallo do Xacobeo, a corte compostelá tivo a ben organizar unha mostra sobre os reis de Exipto
E que mellor lugar para unha exposición así que unha obra faraónica como é a Cidade da Cultura de Galicia
En concreto, no museo do Centro Gaiás, onde xusto antes da pandemia puidemos ollar "Galicia, un relato no mundo"
Desta volta, saltamos do Miño ao Nilo para coñecer mellor a fascinante cultura do antigo Exipto, que perdurou durante milenios




Na cúspide da pirámide de poder militar e relixioso desta civilización figuraban os faraóns 
Foron máis de trinta as dinastías que gobernaron o imperio exipcio entre os períodos arcaico e ptolemaico
Esta estatua de pedra do deus solar Ra-Horakhti, feita nos tempos do bíblico Ramsés II, data do século XIII antes da nosa era




Estoutro busto de granito negro, que representa a deusa Sekhmet, data do século anterior
Máis antigo aínda é este retrato do cortesán Senenmut, coa princesa Neferure no colo, que contempla miña filla 




Este babuíno en crequenas foi feito de cuarcita vermella pola mesma época
Pode simbolizar diversos deuses, coma Ra ao mencer ou Thoth, divindade da escritura
Abaixo, vemos varias figuras acompañadas de textos biográficos sobre os persoeiros representados




A mostra acompáñase de recursos audiovisuais que explican o contexto xeográfico e histórico
Conta ademais con diversos fragmentos de relevos policromados do Val dos Reis, de hai uns 3.300 anos




Este papiro de Abusir, escrito hai preto de 4.500 anos, é un dos máis antigos que se conservan
Tamén se expoñen diversos accesorios propios dos gobernantes exipcios, como aneis, cetros ou flaxelos




Esta é unha perruca dunha estatua real, do Reino Novo
Máis recente é a estela que se encontra debaixo, da época helenística
Representa a Alexandre Magno cando era faraón de Exipto, xunto co touro Bukhis




Froito do espolio ou non, as 140 pezas expostas pertencen ao Museo Británico
Grazas á corte xacobea, poderanse visitar ata mediados de agosto no non menos suntuoso Gaiás

25/03/21

Catro detalles dun cadro colorido


Este de inspiración africana é un detalle da última pintura que rematei
 Saíu ben colorida, se cadra co fin de compensar os grises tempos que estamos a vivir
Neste post irei debullando o cadro por partes, brevemente, comezando por un gato azul, que non triste




Félido e busto, cun disco solar, conforman un conxunto á beira dereita do lenzo
No outro extremo, vemos unha especie de esquematizada grande onda de Kanagawa
E na parte superior central, dúas ás opostas e un círculo tamén azul evocan unha bolboreta 




Non negarei que o proceso de creación deste óleo me resultou especialmente laborioso
Logo duns cantos bosquexos iniciais, a composición foi mudando ata chegar ao seu aspecto final
Tal como se pode apreciar sobre estas liñas, acompaña outro cadro de hai uns anos no cuarto da miña filla


20/02/21

Estampas do semiconfinamento


 Os semiconfinamentos decretados por mor da pandemia seguen a alimentar a creatividade no fogar
Boa proba son este feixe de fotos feitas pola miña filla nas longas tardes de inverno dos últimos meses
Ao igual ca na primavera pasada, realizou as instantáneas coa súa propia cámara, que tamén é un xoguete



A máquina que ten permítelle xogar coas imaxes e divertirse tranformándoas ao seu antollo
O que máis lle gusta, como corresponde á súa nenez, é autorretratarse de todas as maneiras posibles




Entre os seus favoritos, figuran os xogos de simetrías e de espellos
Encántalle construir mosaicos con fragmentos da súa face multiplicados




Tamén lle gusta moito facerse selfies connosco, o mesmo ao natural ca con marcos predefinidos de todo tipo
E abundan as fotografías coas cores en negativo, que tanto lles fai aos seus bonecos coma aos modelos que ten de man




Mentres sigamos con estes confinamentiños, a rapaza continuará experimentando coa creación fotográfica
Algo bo tiña que ter botar tantas horas metidos na casa coa que está caendo fóra, que non todo vai ser ler ou ver pelis


19/01/21

Paisaxes de Lugo (V)


A vista dende o miradoiro do Duque, en Doade, encabeza esta quinta entrega sobre as paisaxes lucenses
Coma nas anteriores, a maior parte son fotos feitas co meu propio móbil durante as saídas realizadas no traballo
Non tan espectacular, pero non menos bucólica, é esta imaxe captada en Santiago de Arriba co gallo do Entroido Ribeirao




A praia de Reinante foi a primeira que visitei durante o desconfinamento
A do barrio lugués do Carme, pola súa banda, foi a primeira rutiña a pé que fixen
Seguiríalle a da Chanca, tamén nunha primavera en que anceiabamos os espazos abertos




Xa polo verán, visitei a contorna da lagoa de Cospeito, na Terra Chá
Alí topeime con este verdísimo saltón xunto a unha morea de rolos de herba seca
Non lonxe de Feira do Monte, dedicaron grandes extensións de terra ao cultivo de xirasoles




E continuamos con rutas a pé máis longas, coma a do Rato ou a do Miño




Acudimos en varias ocasións á Tinería, onde había concertos polas tardes




A ruta que fago a pé a diario entre a casa e o traballo tamén foi abondo fotografada




Sobre estas liñas, figura a piscina da área recreativa de Sete Muíños, en Guitiriz
Séguelle unha foto que fixera en San Román de Cervantes, dende onde se albisca Becerreá
E debaixo, outra vista da montaña, ás aforas da Fonsagrada, e mais a ponte vella da Pobra de Navia




Estas son estampas do río Fervedoira, correspondentes a diferentes paseos pola zona




A catedral de Lugo foi un dos lugares que tiven que visitar no traballo
Tamén o parador de Monforte, onde fotografei unha vez máis esta caveira alada
Debaixo, temos o quiosco da praza Maior de Lugo, que así lucía durante o pasado Nadal




Como moitas das anteriores, estas últimas fotos foron publicadas no meu perfil de Instagram
As de arriba corresponden á rúa da Catedral e ao adarve da muralla, ambas no recinto histórico de Lugo
Xa para rematar, temos a última imaxe compartida na conta, cos carambelos de xeo que atopei entre Doiras e Piornedo

 

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...