02/10/22

A Ruta da Pedra e da Auga


A da Pedra e da Auga é unha das rutas máis populares do país
Polo verán, de feito, cóntanse por centos as persoas que a percorren a diario
O camiño discorre pola beira do regato Armenteira, que desemboca no Umia en Barrantes
Conecta, por tanto, cos itinerarios que parten deste punto, tanto río arriba como río abaixo ata o mar




Bordeando Barrantes polo regueiro arriba pasaremos á beira do pazo homónimo
Logo habemos chegar onda un muíño onde aínda se pode facer moenda de millo




Unha vez pasada a autovía do Salnés iniciaremos a chamada propiamente Ruta da Pedra e da Auga
Será xa no concello de Meis, cando deixemos atrás as terras chás correspondentes ao de Ribadumia




Unha área de descanso á altura de Cabeza de Boi convida a realizar unha paradiña
Aquí hai unha serie de muíños xa en desuso, erguidos no século XVIII, que foron restaurados




Máis recentes son as construcións e as esculturas en pedra que se atopan pouco despois
O conxunto, feito por aprendices de canteiros e de aire kitsch, é coñecido co nome da Aldea Labrega



Un chisco máis adiante cruzaremos unha ponte cunha fermosa vista do río
Pode ser o momento idóneo para o selfie de rigor ou para un intercambio de cromos cun ciclista




Tras unha nova suba, volveremos ter outro tramo chan
Nos prados que hai á outra beira do regato pódese ollar o gando a pastar




Neste treito a ruta non ten dificultade ningunha, polo que resulta idónea para todas as idades




A pedra e a auga que lle dan nome conforman un escenario propio de contos de fadas do bosque




Hai, de feito, paraxes dignas de representar escenas alusivas á obra de Tolkien




En especial na parte alta da ruta, onde a pendente se acentúa conforme nos imos achegando á Armenteira
O mosteiro, de estilo románico, gran valor artístico e con oito séculos de historia, conforma o outro extremo deste itinerario
Conta a lenda que o primeiro abade, Santo Ero, quedou enfeitizado durante 300 anos ao escoitar o canto dun paxaro nunha fraga próxima




Na Armenteira celébrase a Romaría da Virxe das Cabezas cada luns de Pascua
Moi ben o pasabamos de rapaces acudindo a pé para pasar o día e xantar na ladeira do Castrove
Dende Cambados cómpre andar 11 quilómetros, o dobre do que supón percorrer nun sentido a Ruta da Pedra e da Auga


Ningún comentario:

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...